A competencia xeral deste título consiste en desenvolver, implantar, documentar e manter aplicacións informáticas multiplataforma, utilizando tecnoloxías e contornos de desenvolvemento específicos, garantindo o acceso aos datos de xeito seguro e cumprindo os criterios de usabilidade e calidade esixidos nos estándares establecidos.

As persoas con este perfil profesional exercen a súa actividade en entidades públicas ou privadas de calquera tamaño, tanto por conta allea como por conta propia, e desempeñan o seu traballo na área de desenvolvemento de aplicacións informáticas multiplataforma en diversos ámbitos: xestión empresarial e de negocio, relacións con clientes, educación, lecer, dispositivos móbiles e entretemento; aplicacións desenvolvidas e implantadas en contornos de alcance intranet, extranet e Internet; e implantación e adaptación de sistemas de planificación de recursos empresariais e de xestión de relacións con clientes.